Agardarei
Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.
Non importa agardarei
polo albor dun novo día.
Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidia.
Non importa agardarei
polo albor dun novo día.
Está mudo o reisiñor
que outrora cantar soía.
Non importa agardarei
polo albor dun novo día.
Que está comigo a esperanza
fiando fía que fía.
Ela fía i eu confío
no albor dun novo día.
Non importa agardarei
polo albor dun novo día.
Hoxe deu comezo oficialmente o Ano Celso Emilio Ferreiro, que conmemora o centenario do nacemento do escritor celanovés e o cincuentenario da publicación de Longa noite de pedra, poemario fundamental da poesía galega da posguerra.
Porque ha chegar o albor do día que agardamos, dámoslle a benvida a esta celebración cunha marabillosa versión do clásico "Agardarei", de Luís Emilio Batallán, interpretado por Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Guadi Galego, tres das pezas fundamentais da música galega dos últimos tempos.
4 Responses to “No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro…”
Deixa unha resposta