Como todolos anos o 17 de Maio celebramos o Día das Letras Galegas para homenaxear a aquelas persoas que escribiron a súa obra literaria en idioma galego e tamén pola defensa da nosa lingua. O Seminario Galán ofrécenos no seu blog unha serie de actividades encamiñadas a conocer un pouco millor a nosa cultura. Animádevos a mergullarvos no noso patrimonio cultural e fagamos entre todos que o día das Letras Galegas dure todo o ano
O martes 8 de maio veu ao noso colexio Fina Casalderrey, e tivo un contacto directo cos seus pequenos lectores. Para eles foi emocionante, ían todos moi ledos cos seus libriños firmados e adicados pola autora. De Fina os nosos pequerrechos leron: Podesvir,Quen me quere adoptar? e O cabalo de lume. Dende o noso equipo de normalización gústanos apoiar aos noso escritores-as, xa que eles son unha parte fundamental no emprego e espallamento da nosa lingua. Moitas grazas a autora polos libros tan fermosos que nos dá a coñecer, xa que son un agasallo para a vida.
O 25 de Abril,veu Abraham Carreiro a falarnos de como fixo o libro de XOELIKI, que foi libro de lectura para os alumnos-as de 5º. Fixo todo un percorrido de como foron xurdindo as ideas ata chegar a publicalo. O libro tivo moi boa acollida entre os nosos nenos-as , de feito preguntáronlle se ía publicar a segunda parte de Xoeliki. Abraham estivo moi afectuoso cos raparigos, e pasárono moi ben con el.Ao rematar adicoulles o libro
Un ano máis o Departamento da Música Tradicional e Popular de Galicia e o Equipo de Normalización Lingüística do Conservatorio Superior de Musica de Vigo, estiveron entre nós. O tema a desenvolver foi:" A gaita nas formacións instrumentais da música popular". A presentación que foi levada por Rebeca e Lorena foi moi clarificadora, a fundamentación didáctica da mesma axudou a clarexar o bosque mesto en que se atopaban os nosos nenos-as. Unha vez máis disfrutamos dun concerto marabilloso, onde Pedro Álvarez, Ricardo Mouriño, Jorge Gándara, Isidro Vidal, Abraham Fernández e Alberto Sánchez fixeron voar sentimentos que procedían do máis fondo das nosas raiceiras musicais. Dicirvos que dende a nosa escola sentímonos moi orgullosos de todos vós, xa que a nosa música está en boas mans. Moitas grazas pola vosa xenerosidade e sencillez, grazas polo traballo ben feito,grazas por ter vido un ano máis onda nós e amosarlles aos nosos educandos un mundo tan fermoso como o da nosa música. Ata outra amigos-as.
A Real Academia Galega presentou por fin a súa nova páxina web, unha nova fiestra de grande utilidade para achegarse á nosa cultura que permite o acceso aos amplos fondos documentais da institución, creada en 1906, así como publicacións propias, revistas e artigos sobre cultura e lingua e a actualidade da propia Academia.
Destaca, con todo, a agardada versión eliña do Dicionario da RAG, que conta con 50.000 entradas, ademais da súa pronuncia, as propiedades gramaticais, os sinónimos e antónimos, o rexistro e outros datos de utilidade para o uso correcto do idioma.
"É tempo de innovar e de levar a Academia a todas as casas"
No acto de presentación do novo web, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, valorou o ansiado dicionario como un "tesouro" da institución e engadiu que estas ferramentas fan relaidade o obxectivo de "levar ao pé de cada casa todo o patrimonio da institución" e reivindicar "a súa vocación de servizo público".
O dicionario en Firefox e Chrome
Ademais, grazas á xente do Proxecto Trasno, podemos integrar o DRAG na lista de buscadores do navegador Firefox (que tamén ten versión en galego). Debémoslle esta ferramenta, como tantas outras, ao traballo altruísta do Proxecto Trasno. As instrucións para instalar o complemento están aquí. Por outra banda, a rede social Cabozo tamén desenvolveu a aplicación para Chrome.
O mundo secreto de Basilius Hoffman Autor: Fernando F. Cimadevila Ilustrador: Iván valladares Urco Editora, 2011
Páxina da saga
Todo comeza cando a Peter lle intentan roubar os seus soños mentres dorme na casa do seu tío Basilius. A partir de entón descubrirá un mundo que xamais imaxinou, cheo de estrañas criaturas. Basilius e Peter acudirán á cidade dos tellados en busca de Rivka. Esta explícalles que unha antiga raza de felinos controlados polo Gran Mestre pretenden dominar a Terra roubándolle os soños aos nenos, xa que só eles conservan a imaxinación e a fantasía.
O Gran Mestre pretende resucitar a deusa Baset, convertida en Sejmet pola ira que lle provocaron os humanos. Basilius e Peter intentarán impedirllo por todos os medios. Grazas ao sacrificio de Rivka calmouse a ira de Baset e o Gran Mestre non consegue o seu propósito quedando convertido nun gato exipcio. Rivka é resucitada por Baset, a súa nai, e levada con ela ao mundo dos deuses. Finalmente, Peter queda a vivir co se tío Basilius que se encargará da súa educación.
Cada un dos capítulos que compoñen esta novela van precedidos de fermosas ilustracións de Iván Valladares e citas de autores famosos, ademais de descricións de diversos obxectos e aparellos importantes, o bastón de mando, o Argestes...
Gocei moito coa lectura deste libro, pola súa temática recordoume a outras historias como Harry Potter ou O Señor dos Aneis, mesmo penso que se podería facer unha película co seu argumento. Pareceume, nalgúns momentos, bastante complicado de entender e tiven que estar moi atenta para comprender ben toda a historia. O meu personaxe favorito é o de Rivka, xa que me encantan os gatos, co se temperamento independente e libre, de feito eran venerados no antigo Exipto.
Estou de acordo con que os humanos estamos a destruír o mundo que nos tocou vivir. Nalgúns momentos penso que os animais saberían gobernar o mundo mellor que os humanos, xa que eles respectan a natureza e nunca lle farían dano. Por outra parte paréceme estraña a actitude dos pais de Peter, xa que a penas se ocupan del e só se limitan a pagarlle un colexio caro. Alégrome de que finalmente fique co seu tío Basilius e de que se sinta feliz. Penso que a historia continuará noutros libros e espero poder lelos moi cedo.
Alexia Ortega Seoane (1ºC)
O venres 16 de marzo estivo na nosa escola o Sr. Alcalde de Soutomaior, facendo entrega dos agasallos de RELATO CURTO. Foron moitos os nenos-as de primaria e de secundaria que participaron nesta actividade que organiza o Equipo de Dinamización Lingüística. Darlle a noraboa a todos pola súa colaboración, xa que sin eles nada sería igual. Ao rematar o acto o Sr. Alcalde Don Agustín Reguera,acercouse á Radio Escolar, e tivo a ben contestar a unha serie de preguntas feitas por Clara, Carlota e Laura ,intrépidas reporteiras de RADIO NEGUEIRÓS, a radio que fala coma nós. Amablemente o Alcalde foi contestando a todo tipo de cuestións propostas pola nosas reporteiras. Darlle as grazas ao noso Alcalde pola súa colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
Estupendo traballo de investigación do contorno feito polo alumnado de infantil e primaria do noso centro no que se recolle un estudio sobre as arbores máis características da nosa localidade.Posted from .
Esta novela é un diario da vida de Khoedi, unha nena de once anos africana que ten que mudarse do Senegal a Vigo, unha cidade galega que descoñece totalmente.
En Zunquinchor, onde se atopaba a súa casa antes, vivía coa súa nai, a irmá pequena, Naima, e a súa avoa, que morreu pouco tempo antes de que viñeran vivir a Galicia. Múdanse por fin para estar co seu pai, ó que fai moito tempo que marchou para Vigo.
Khoedi significa "Lúa" en wolof, por iso lle conta todo o que lle pasa á lúa, a mesma que vía no Senegal, e dille que lle gusta saber que van sempre xuntas. A historia está contada por un narrador e pola nena, altérnanse.
Os primeiros días naquela nova casa, na nova cidade, recordaba con nostalxia a súa avoa Mamá Feriane e as historias que lle contaba. Historias que ela, cambiándoas, facéndoas súas, lle contaba a Naima, e a moitas persoas máis que vai coñecendo co tempo. Tamén bota de menos o seu pobo, os amigos, a casa… Co tempo, as cousas van mellorando, e coñece a moita xente nova. Tamén fai amigos, que están no colexio onde está matriculada.
A lectura deste libro de Agustín Fernández Paz pareceume moi interesante. Gustoume moito, sobre todo porque trata da historia dunha nena de color, unha historia que podería ser real, non é unha historia totalmente ficticia como outras que teño lido.
Ás veces identifícome con Khoedi, a protagonista, nalgúns momentos cando se sente diferente ás demais, e simplemente cando está contenta, ou fala das cousas que lle dicía a súa avoa ou a súa nai. Púxenme no seu lugar moitas veces durante a lectura, e iso fíxome darme conta de que aínda qee dúas persoas sexan diferentes por fóra, ou sexan de diferentes razas, pódense sentir de maneira similar ou igual ás veces.
O primeiro capítulo fíxome chorar, porque era o principio dunha nova vida para Khoedi e a súa familia. Cóntalle á Lúa, á mesma do Senegal, os seus primeiros días en Galicia. Chea de nostalxia, fala do que bota de menos da súa casa en Zinguinchor, da súa avoa e das historias que lle contaba… Aínda que é moi triste ás veces, é un libro moi bonito, sinceiramente, un dos mellores que lin. Encantoume.
Ainhoa Soto (1º B)
É un libro moi real, refirome a que mostra a situación actual do noso país cara á emigración. Este problema nós vémolo dende o noso punto de vista, pero este libro ábreche os ollos. Ves a emigración dende o punto de vista dos emigrantes, ves que non é tan fácil como parece chegar a un país novo, sen coñecer a lingua, a xente, nada... é como empezar dende cero.
Cando o rematei, quedeime con ganas de ler máis. A min gustaríame que escribisen unha segunda parte deste libro, xa que é moi bonito. A parte que menos me gusta de todas é na que aparece Mareime, a profesora de universidade senegalesa. Esa parte resúltame un pouco monótona e aburrida. Polo demais, o libro esta moi ben feito, redactado, etc. Gústame tamén a ilustradora deste libro, as imaxes son en cores apagadas, polo que transmiten tristeza e soidade, dous sentimentos que encaixan perfectamente coa historia.
Antía Lorenzo (1º B)
Ano tras ano dende a nosa escola apoiamos o Salón do Libro. É un actividade que dende o equipo de dinamización lingüística valoramos positivamente pola súa importancia didáctico -pedagóxica. As compañeiras de Infantil, as do 1º ciclo de primaria, mais as de 5º curso de primaria tiveron a ben colaborar na realización de traballos para o Salón. Os nenos-as tanto do 1º ciclo , coma de 5º curso de primaria fixeron libros sobre o tema deste ano 12+1 " as supersticións", lecturas de libros...etc.Aproveitando a temática fixemos na escola un certame de relato curto con agasallos para os nenos-as.
Os de Infantil fixeron un mural moi bonito, lecturas e traballiños .
Polo traballo feito por todos-as sodes merecentes dos nosos parabéns.
O departamento de Galego sempre colabora con nós, i este ano irán alá os de 1º, 3º e 4º da E.S.O., asistirán a representacións de MOFA E BEFA, e TALIA TEATRO.
Tamén o segundo ciclo de primaria irá todo a ver unha representación teatral.
A ilusión do equipo de dinamización é de que o pasedes moi ben nas visitas guiadas, contacontos, obras de teatro.....etc. O noso colexio deséxalles aos organizadores do Salón que todo lles vaia moi ben.
O venres 24 as nenas de 6º de primaria foron a contar contos a Infantil.
Os máis pequerechos agradecen a nosa visita ,agardamos que para a próxima vaiamos tamén coa música tradicional.
As contadas son un medio fantástico para o traballo da expresión oral en galego ,que boa falla fai aos nenos-as da nosa escola.É unha volta aos tempos dos nosos avós e avoas, onde ao redor do lume nos contaban historias fermosísimas.
O mércores 15 de Febreiro estivo de novo entre nós o profesor Xosé Couñago, desta vez cos nenos-as do último ciclo de primaria. A charla tratou sobor da Galiza Máxica, coma un facho na brétema da mañá o profesor foi facendo un abrente ,cheo de cores e recendos. Co seu falar pousado e agarimoso, creou nos raparigos-as un ambiente único. Non é doado atopar as palabras exactas, claras, que coma un illó de auga pura exprese o sentir dos nosos alumnos,só dicirvos que nin se lembraron da hora do recreo,xa está todo dito non si?.O profesor foi quen de transmitirlles ese amor o que un fai. Moitas grazas profesor pola súa amabilidade,polo seu trato tan afectuoso con todos nós, foi un pracer telo na nosa escola.Ata outra.Saúde, terra, e moita Galiza Máxica para todos e todas.
Vídeos sobre lendas galegas
Unha videocreación do Proxecto Audiovisual As Barxas e o Departamento de Normalización deste instituto de Moaña, no que participaron alumnos e alumnas de 1º da ESO para dicir ben alto que "non renunciamos..." ao "futuro que soñamos para a lingua" porque "eu falo galego porque o amo...".
Aproveitamos esta mensaxe de amor que nos chega dende a outra beira da ría, dende o mesmo Morrazo, para completar esta dedicatoria cunha carta de amor publicada por Séchu Sende no seu libro Made in Galiza.
Estou contigo Supoño que todo tería sido diferente se aos dezaseis anos non decidise achegarme a ti. Non se trata de saber exactamente porque senón de recordar que un día descubrín que non podía seguir vivindo sen estar contigo. Era como se te vise en todas partes e ao mesmo tempo estabas tan lonxe... E iso que sempre estiveches aí, realmente, ao alcance da man, como esperándome. E só tiven que dar un paso. Ao principio era estraño algunhas veces. Aínda que hoxe descubro en ti cousas novas todos os días, daquela coñecíate pouco. Lembras cando aquela profe de inglés me dixo que non eras unha boa compañía? Ou cando meu pai puxo aquela cara de pensar preocupado "Pois parece que isto vai en serio"? Nin sequera podo imaxinar como tería sido eu se non decidise que ti formarías parte da miña vida. Tampouco se trata de se tería sido mellor ou peor senón de que sería sinxelamente diferente e é precisamente iso o que me resulta difícil de imaxinar: vivir sen ti. O que teño claro é que se decidín facelo foi porque me parecías interesante, porque contigo me sentía ben, porque me facías descubrir cousas, porque confiaba en ti e me dabas confianza e sabía que ti sentías o mesmo por min. E porque cando me dei conta souben que xa non era posíbel vivir sen estarmos xuntos. Que nos necesitabamos. É curioso. Lembro como se sorprendía a xente que me coñecía cando comezou a vernos xuntos. Sorprendíase porque estaba contigo, como se estivese facendo algo inesperado ou estraño. Ou prohibido. Parecían non comprendelo. Non te coñecían o suficiente. Aínda que sempre lles gustaches máis ou menos, non confiaban en ti. Con ela non vas chegar a ningún lado, dicían. Pouco a pouco foron acostumándose e cambiando de parecer a medida que viron que o noso ía para adiante. Demostrámoslles que se equivocaban e isto estivo ben. Así que a miña vida correu por ese camiño contigo e foime ben e mal como a todo o mundo que ten sombra e respira: acabar os estudos, o paro, o primeiro traballo e, en fin, o resto das cousas que vivimos xuntos sabendo que o noso era para sempre. Quería reflexionar un pouco sobre todo isto e recordar que decidir vivir contigo foi unha das mellores eleccións da miña vida. Quería dicircho sinceramente: Cambiaches a miña vida e déboche tantas cousas... Quería dicirche Grazas. E quería decirche que estou contigo, miña lingua.
Este ano seguimos no proxecto Comenius, acercándonos a outras realidades socioeducativas e lingüísticas. Nesta ocasión amosámosvos parte do traballo feito polo noso alumnado que conxuntamente cos colexios de Noruega e Cerdeña pasarán a unha memoria conxunta.Posted from .
O luns 14 de Febreiro saímos da nosa escola rumbo á Xunqueira de Arcade, pasando pola Devesa, con nenos-as de 6º de primaria, o noso obxectivo é seguir coa plantación de árbores no noso concello, e sermos quen de irmos recuperando parte do noso monte. Os raparigos-as de 6º traballaron arreo, a plantación xa forma parte de nós. Queremos agradecerlle ao concello a súa axuda para seguirmos mantendo esta actividade xa que sen eles non sería moi doado,tamén á comunidade de montes da Devesa que nos deixa unha ubicación física da mesma. A máis da plantación os nenos-as visitaron os muíños do río Daión, falámoslle da súa importancia socioeconómica,cultural...etc. Aínda que se atopan en mal estado son moi recuperables,e cecais é unha mágoa non pórse a facer unha mellora substancial do lugar, que é fermosísimo. Contámoslle a historia das lanchas de grava da década dos anos sexenta, e tamén falámoslle de María do Lazareto na loita contra os franceses na Guerra da Independencia. Foi un día xenial. Dende o equipo de normalización e dinamización este ano plantamos ,con nenos-as da E.S.O. e de 6º de Primaria case 200 árbores, non está nada mal.Posted from .